Rosalía de Castro. 184 aniversario do seu nacemento.

Este 24 de febreiro celebramos o 184 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Desde o Concello de Cee queremos convidarvos á lectura da súa obra, aproveitando que as bibliotecas e centros culturais teñen de novo abertas as súas portas. Nestes tempos nos que a cultura en liña é fundamental, convidámosvos tamén a indagar un pouco máis sobre a súa vida e obra e incluso a que vos sumedes as homenaxes que institucións como a propia Fundación Rosalía de Castro ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega teñen preparado para esta xornada especial. Aquí tendes, un pequeno resumo biográfico:

Rosalía de Castro naceu o 24 de febreiro de 1837 en Camiño Novo, preto de Santiago de Compostela.

Sendo aínda unha nena, trasladouse coa súa nai a Padrón e a súa aia ensinoulle a falar en galego e introduciuna na poesía popular nesta lingua.

En 1856, viaxa a Madrid e coñece a Manuel Murguía, co que casa no ano 1858. Será el quen a poña en contacto con Gustavo Adolfo Bécquer e outros autores do movemento do Romanticismo español.

En 1857, publica o seu primeiro libro poético, LA FLOR, que xa presentará aspectos temáticos recurrentes na súa obra posterior como o desengano amoroso, o ambiente tenebroso e o pesimismo.

En 1863, publica CANTARES GALLEGOS, obra que a sitúa como precursora do fenómeno do Rexurdimento, ao lado de Curros Enríquez e Eduardo Pondal.

Nesta obra, xa é visible o seu feminismo pioneiro.

Desde un punto de vista estilístico, é unha obra na que predominan os versos de arte menor, que recordan ao ritmo das muñeiras.

En canto á temática, predominan os poemas costumbristas, amorosos e cívico-sociais, sobre todo aqueles centrados no drama da emigración. Exemplos: “Castellanos de Castilla”  “Adiós ríos, adiós fontes”.

En 1880, publica outra gran obra: FOLLAS NOVAS, concebido en principio como unha continuación de Cantares Gallegos. Non obstante, a medida que avanza a obra, pódese percibir unha maior profundidade, unha temática máis centrada nas desgrazas familiares, nas doenzas físicas e morais. Un dos poemas máis coñecidos desta obra, polo sentimento que rezuma, é “Negra Sombra”.

Outras obras importantes serían a novela La hija del mar, Flavio, Ruinas o El caballero de las botas azules.

Xa nos últimos anos da súa vida, en 1884,  publica, integramente en castelán EN LAS ORILLAS DEL SAR, un conxunto de poemas nos que destaca a exploración do mundo interior e unha visión pesimista da vida – enmarcado todo na natureza e realidade de Galicia. A sensibilidade e a imaxinación  sitúa este  poemario no camiño cara ao Modernismo.

Rosalía de Castro falecía o 15 de xullo de 1885 na súa casa da Matanza, en Padrón, a consecuencia dunha enfermidade. Foi enterrada na parroquia de Iria Flavia aínda que anos despois, en 1891, foi trasladada ao Convento de Santo Domingo de Bonaval, no presente Panteón dos Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares Gallegos.

Na actualidade, a figura de Rosalía de Castro e as súas creacións literarias continúan sendo obxecto dunha abondosa bibliografía e recibindo unha constante atención crítica, tanto no territorio galego como no estranxeiro.

Centros educativos, parques, monumentos, sellos, billetes, avións co seu nome e ata un doodle en internet teñen homenaxeado  á máis grande escritora da nosa lingua.

Do seu libro Cantares Gallegos, lembramos os versos adicados ás mulleres de Cee:

         As de Cé, ¡Virxe do Carme!,            

         ¡que cariñas tan ben feitas!             

         Cando están coloradiñas                

         no ruxe-ruxe da festa,            

         cada mirar dos seus ollos               

         fire como cen saetas.             

         Nin hai mans tan ben cortadas,                

         tan branquiñas e pequenas             

         como as que amostran finxindo                

         que non queren que llas vexan.

Deixa un comentario

TurismoCee