MES DAS LETRAS 2022. FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

Sábado 14, 21.00 horas

Presentación do libro: “De Cee a Compostela: un achegamento á figura de Domingo Antonio de Andrade” de Víctor M. Castiñeira.
Acompañarán ó autor, a alcaldesa Margarita Lamela e o presidente da Asociación Amigos dos Museos de Galicia, Felipe-Senén López.
O Día das Artes Galegas 2020/21 organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes estivo adicado a este excepcional artista ceense.
Nesta obra faise un percorrido pola súa vida e obra facendo especial mención á súa relación coa súa vila natal.
Agasallo dun exemplar ós asistentes.

Luns 16, 18.00 horas

A compañía Trémola Teatro tráenos, a través dos contos, unha viaxe pola vida e poemas de Florencio Delgado Gurriarán, para todos os nenos e nenas, procurando axudarnos a comprender mellor as nosas tradicións facendo parelelismos coa actualidade que estamos a vivir.
De seguido terá lugar a entrega dos premios dos concursos que cada ano convoca a Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán: XXXI Concurso Achegamento ó Libro e Na procura do noso XVIII Marca-páxinas.

Mércores 18, 11.00 horas

Ler Conta Moito. Rede Galega de Bibliotecas de Galicia
María Faltri é un dos novos nomes de referencia dentro da música infantil galega, a vocalista da Banda das Apertas de Magín Blanco chega agora cun espectáculo orixinal e sorprendente: Unha picadiscos de música infantil. Durante o seu espectáculo María brindaralle aos cativos e cativas unha escolla da mellor música infantil galega para que non deixen de cantar e bailar. María ten tamén unha ampla experiencia no mundo da animación cultural, un ingrediente perfecto para que o público miúdo xogue, se divirta e…por qué non, aprenda as cancións da man dos libros da súa pequena biblioteca ambulante.

Mércores 18, 20.00 horas – Sala de conferencias

Presentación do libro publicado por Xerais: “Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano” do escritor, tradutor e docente ceense Miro Villar.

O autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022 é un reflexo da cultura galega no século XX. Militante do Partido Galeguista, exiliado
en América, colaborador de Castelao, promotor de iniciativas editoriais e radiofónicas. Como poeta escribiu entre dous mundos: a súa terra de Valdeorras e o país de acollida, México.

Xoves 19, 11.00 horas – Auditorio Baldomero Cores

Ler Conta Moito. Rede Galega de Bibliotecas de Galicia
Ignacio Vilariño (Fantoches Baj) tráenos un espectáculo musical para a infancia no que se conta a historia do tranvía Leonardo. O primeiro tranvía a vapor de Galicia que facía o traxecto entre Marín e Pontevedra e sobre o que tanto escribiron grandes plumas da nosa terra como Castelao, Valentín Paz Andrade, Wenceslao Fernández Florez, Xulio Camba e un longo etcétera. O motivo de tanta atención non foi outro que a súa recoñecida ineficacia. Era lento, sucio, pequeno, estreito, descarrilaba a miúdo e ademais atrasaba sempre, máis sen
embargo permaneceu na memoria popular en ditos, cancións, ensaios, contos e romances.

Xoves 19, 12.00 horas – Praza da Constitución

Inauguración da exposición comisariada por Pepe Barro e organizada pola Fundación Rosalía de Castro co apoio da Xunta de Galicia e a
Deputación de A Coruña (área de Igualdade e Normalización Lingüística). Esta mostra exterior fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, convertiuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista.
Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos e innumerables asociacións de todo o país.

Participarán na inauguración a concelleira de Servizos Sociais, Emilia Trillo, a deputada provincial de Igualdade e Normalización Lingüística,
María Muiño e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, quen realizará a visita guiada para escolares.

Venres 20 ás 20.30 horas – Casa da Cultura

Presentación do libro “Ayúdate que te ayudaré” da escritora María Lucinda Rey.
Acompañará á autora, Isabel Ares de Ler Librerías.

Unha historia autobiográfica de superación con final feliz despois de loitar contra o consumo de alcohol. Nada facía prever que, sendo unha
muller de éxito que bebía dunha maneira moi social, sin extralimitarse na maioría das saídas, acabaría no medio dun grave problema co paso
dos anos, un inferno cheo de sombras e medos dos que é moi complicado saír. Este libro pretende ser unha axuda para aquelas
persoas que non son capaces de vencer á súa dependencia do alcohol.

Sábado 21 ás 13.00 horas – Praza da Constitución

Concerto das Letras coa Banda de Música de Cee

Tradicional concerto da Banda de Música na que ademáis de temas do repertorio habitual se incluén temas relacionados coa cultura e tradicións galegas.

Exposición: Florencio Delgado Gurriarán. Tesouro de lembranza

Ata o 25 de maio na Biblioteca Municipal
Dez paneis informativos editados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e libros do fondo bibliográfico da Biblioteca Pública “Francisco Mayán”, integran esta mostra na que se pretende amosar a vida e o legado cultural que deixou como
escritor e intelectual comprometido coa nosa cultura e lingua, Florencio Delgado Gurriarán.

Deixa un comentario

TurismoCee