ROSALÍA DE CASTRO, NO 185 ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO

Rosalía de Castro naceu o 23 de febreiro de 1837 en Camiño Novo, preto de Santiago de Compostela. Sendo aínda unha nena, trasladouse coa súa nai a Padrón e a súa aia ensinoulle a falar en galego e introduciuna na poesía popular nesta lingua.

En 1856, viaxa a Madrid e coñece a Manuel Murguía, co que casa no ano 1858. Será el quen a poña en contacto con Gustavo Adolfo Bécquer e outros autores do movemento do Romanticismo español.

En 1857, publica o seu primeiro libro poético, LA FLOR, que xa presentará aspectos temáticos recurrentes na súa obra posterior como o desengano amoroso, o ambiente tenebroso e o pesimismo.

En 1863, publica CANTARES GALLEGOS, obra que a sitúa como precursora do fenómeno do Rexurdimento, ao lado de Curros Enríquez e Eduardo Pondal.  Nesta obra, xa é visible o seu feminismo pioneiro.

Desde un punto de vista estilístico, é unha obra na que predominan os versos de arte menor, que recordan ao ritmo das muñeiras. Nesta obra, no pema titulado Nosa Señora da Barca, atopamos os coñecidos versos adicados ás mulleres de Cee:

 

As de Cé, ¡Virxe do Carme!,             

¡que cariñas tan ben feitas!              

Cando están coloradiñas                  

no ruxe-ruxe da festa,             

cada mirar dos seus ollos                 

fire como cen saetas.              

Nin hai mans tan ben cortadas,                  

tan branquiñas e pequenas              

como as que amostran finxindo                  

que non queren que llas vexan

 

En canto á temática, predominan os poemas costumbristas, amorosos e cívico-sociais, sobre todo aqueles centrados no drama da emigración. Exemplos: “Castellanos de Castilla”  “Adiós ríos, adiós fontes”.

En 1880, publica outra gran obra: FOLLAS NOVAS, concebido en principio como unha continuación de Cantares Gallegos. Non obstante, a medida que avanza a obra, pódese percibir unha maior profundidade, unha temática máis centrada nas desgrazas familiares, nas doenzas físicas e morais. Un dos poemas máis coñecidos desta obra, polo sentimento que rezuma, é “Negra Sombra”.

Outras obras importantes serían a novela La hija del mar, Flavio, Ruinas o El caballero de las botas azules.

Xa nos últimos anos da súa vida, en 1884,  publica, integramente en castelán EN LAS ORILLAS DEL SAR, un conxunto de poemas nos que destaca a exploración do mundo interior e unha visión pesimista da vida, enmarcado todo na natureza e realidade de Galicia. A sensibilidade e a imaxinación  sitúa este  poemario no camiño cara ao Modernismo.

Rosalía de Castro falecía o 15 de xullo de 1885 na súa casa da Matanza, en Padrón, a consecuencia dunha enfermidade. Foi enterrada na parroquia de Iria Flavia aínda que anos despois, en 1891, foi trasladada ao Convento de Santo Domingo de Bonaval, no presente Panteón dos Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares Gallegos.

Na actualidade, a figura de Rosalía de Castro e as súas creacións literarias continúan sendo obxecto dunha abondosa bibliografía e recibindo unha constante atención crítica, tanto no territorio galego como no estranxeiro.

Centros educativos, parques, monumentos, sellos, billetes, avións co seu nome e ata un doodle en internet teñen homenaxeado  á máis grande escritora da nosa lingua.

O Concello de Cee está a homenaxear a esta gran figura da cultura galega durante todo este mes de febreiro cunha pancarta na Casa de Cultura e ademáis este vindeiro sábado 26 de febreiro ás 20.00 horas poderemos asistir no Auditorio da Casa de Cultura á función teatral Libre como os paxaros, a cargo de Teatro do Atlántico. A compañía galega constituída no ano 1985, por María Barcala e Xúlio Lago  leva realizadas ata o momento 35 producións e recibido varios premios, entre eles os Premios María Casares en varias edicións e, no 2016, o Premio da Crítica de Galicia no apartado de Artes Escénicas.

En Libre como os paxaros, unha muller toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade. Declara, desafiante, non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa, nin acatar mandatos dos seus iguais.

Declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.

Denuncia o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria. E clama contra o silencio que todo o envolve.

Muller. Filla de nai solteira. E de pai cura. Escritora. E poeta. Galega de pensamento libre. Libre coma os paxaros. Chámase María Rosalía Rita de Castro.

Deixa un comentario

TurismoCee